Thursday 02 de May de 2024

As Pontes de García Rodríguez albergará o próximo 24 de febreiro a Gala da Vela Galega


· O Auditorio Municipal, antigo cinema Alovi, sede do evento no que se entregarán máis de 120 premios.

· A Real Federación Galega de Vela elixiu á localidade coruñesa en apoio ao seu Club de Vela Fluvial.

O vigués Nico Rodríguez navegando con Silvia Mais en augas de Vilagarcía.  Juan Caballero.
A Xunta Directiva da Real Federación Galega de Vela elixiu As Pontes de García Rodríguez para celebrar a Gala da Vela Galega, un xesto en apoio ao seu Club de Vela Fluvial que organiza baixo o patrocinio do Excmo. Concello da localidade coruñesa.

Cun dos lagos artificiais máis extensos de Europa, creado no recheo da antiga mina de lignito xestionada por Endesa, As Pontes conta cunha serie de infraestruturas que facilitan o desenvolvemento de diferentes actividades náuticas, entre elas a práctica do deporte da vela, grazas á creación do seu Club Fluvial, no que o Optimist e o Vaurien son algunhas das súas clases estrela.

Co arraigamento da súa historia medieval e o seu enclave estratéxico, As Pontes é un municipio en plena expansión e modernización, conservando as súas estruturas clásicas, ás que moldeou para adaptalas aos novos tempos, sumando a creación de novos espazos como o propio lago, cuxa fase final concluíu en 2012 e á que un carreiro amplo e espazoso contémplao e no que en breve estará finalizado todo o seu contorno, cheo de beleza paisaxística e hábitat natural de flora e fauna.

Unha desas estruturas clásicas é o seu antigo Cinema Alovi, actual Auditorio Municipal e que será marco idóneo para a celebración da Gala da Vela Galega, correspondente aos méritos deportivos e recoñecementos persoais, institucionais e empresariais de 2022.

Máis de 120 premios serán entregados o próximo 24 de febreiro, dos que algúns xa han transcendido, como o premio aos Mellores Regatistas Olímpicos, que en categoría masculina recaeu na figura de Nicolás Rodríguez, sendo en categoría feminina o recoñecemento para Támara Echegoyen.

O Técnico do Ano é para Juan Portela, adestrador da clase IQ Foil conseguindo co equipo galego uns excelentes resultados no mundial de Chipre. A Mención Especial á súa Traxectoria é para Carlos Agra, director deportivo do Real Club Náutico Sanxenxo, unha figura indiscutible na vela galega, do mesmo xeito que a Mención Especial ao Mellor Xuíz, un premio que recoñece os méritos de Manuel Carlos Rodríguez (Litos).

O Club de Vela Fluvial das Pontes leva a Mención Especial de Apoio ao Deporte da Vela, sendo o de Mellor Promoción para a Campaña de Vela de Deputación provincial da Coruña.

A Armada Española recollerá unha Mención Especial pola conmemoración do V Centenario da I Circunnavegación á Terra e Varadero Comunicación farao como Mellor Proxecto de Comunicación Náutica.

Por último, neste primeiro avance, a Real Federación Galega de Vela comunica os premios aos tres Mellores Eventos Internacionais celebrados na comunidade galega durante o transcurso de 2022, como foron o Mundial de 6 Metros, organizado polo Real Club Náutico de Sanxenxo; a 52 Super Series – Baiona Sailing Week, do Monte Real Club de Iates de Bayona; e o Mundial de Vaurien, do Real Club Náutico de Vigo.